O CONCURSO DE ESCAPARATES DE NADAL REXISTRA UNHA NOVA MARCA DE PARTICIPACIÓN CON PRETO DE 400 ESTABLECEMENTOS INSCRITOS
Data:
01/25/2010
O Concurso de Escaparates de Nadal rexistra
unha nova marca de participación con preto
de 400 establecementos inscritos
§ A participación en toda a provincia incrementouse un 12,6% con respecto ao 2008; nas vilas o aumento foi do 22% e na cidade do 4%
§ A Cámara de Comercio entregou hoxe os premios correspondentes á capital; Gallery House, O Pequeno Trasno e José Luis Novias alzáronse cos tres primeiros premios do certame
Ourense, 18/12/09.- O Concurso de Escaparates de Nadal bateu unha nova marca de participación cun total de 371 establecementos inscritos en toda a provincia, o que supón un 12,6% máis que no pasado ano. Un dato que demostra a iniciativa dos comerciantes ourensanos á hora de buscar fórmulas que animen ao consumo, de modo especial nunha época de importantes vendas como o Nadal, transformando os seus escaparates en rechamantes creacións que reclaman a atención e sorprenden o consumidor. Cabe destacar neste ano a elevada participación dos comerciantes das vilas, que segue consolidándose edición tras edición cun 22% máis que no pasado ano, mentres que na cidade a inscrición subiu un 4%.
Estes son os principais datos extraidos do Concurso de Escaparates de Nadal 2009, que a Cámara de Comercio organizou nas súas dúas tradicionais convocatorias: a edición número 22 na cidade e a décima da provincia.
Precisamente hoxe celebrouse na Cámara o acto de entrega dos premios correspondentes á capital e que tivo como principais gañadores aos establecementos Gallery House, O Pequeno Trasno e José Luis Novias; primeiro, segundo e terceiro respectivamente.
Co patrocinio de Caixanova, a Concellería de Comercio do Concello de Ourense, Gas Natural-Unión Fenosa (premio á mellor iluminación e ambiente de Nadal) e o grupo Caldaria (premio dunha estanza nun balneario), no transcurso do acto fíxose entrega de 21 premios valorados en máis de 4.000 euros.
Un total de 136 comercios inscribíronse na convocatoria da cidade, o que supón un 4% máis que na pasada edición. De novo, o maior número de participantes atópase no barrio de A Ponte (23), seguido do casco antigo (21) e a rúa Santo Domingo (17).
Co fin de garantir un maior equilibrio nos premios, este concurso inclúe 15 grupos de actividade, dos cales o máis numeroso en participantes foi o comercio minorista de produtos de alimentación (13), se ben tamén cabe destacar a inscrición de negocios de moda infantil e xuvenil e a categoría que engloba axencias de viaxe, estancos ou fotografía, entre outras actividades.
O xurado do certame estivo integrado por Guillermo Gómez Espiñenta, responsable académico da Escola Superior de Deseño e Moda Felicidade Duce; Elena Nieto Atanes, profesora da Escola de Arte Antonio Faílde; Juan José Coiradas Sambade, xefe do servizo Gas Natural-Unión Fenosa en Ourense e Lugo; e Piar Rodríguez, presidenta da Comisión de Comercio Interior da Cámara.
Éxito de participación nas vilas
A edición número dez do concurso nas vilas convocou a un total de 235 comercios, un 22% máis que en 2008, e cunha notable resposta en Verín con 41 inscricións. Ségueo en participación O Carballiño (25) e Ribadavia (19).
A importancia que ano tras ano adquire nas vilas da provincia este certame tradúcese tamén na incorporación da Asociación de Comerciantes de Maceda, que no seu primeiro ano de participación reuniu a 16 establecementos.
Co patrocinio de Caixanova e o grupo Caldaria, esta convocatoria non sería posible sen a colaboración directa das asociacións empresariais e de comerciantes de Allariz, Castro Caldelas, Celanova, O Carballiño, A Gudiña, Ribadavia, A Rúa, Trives, Viana do Bolo, Xinzo de Limia, Barbadás (Centro Empresarial transfronteirizo), a xa citada de Maceda, O Barco e Verín. Nestas dúas últimas vilas coa participación directa na organización das Antenas Locais da Cámara.
Neste caso, os 41 premios valorados en 6.300 euros serán entregados nos respectivos actos que convoquen as asociacións colaboradoras.